22/2/11

Os 144 instrumentos musicais dos campesiños galegos


Pablo Carpintero toca unha gaita de sabugueiro feita coa pelica dun cabrito, no taller de instrumentos da súa casa de Compostela

Gaita de sabugueiro cun fol feito a partir dunha vincha (vexiga) de porco previamente mazada e afumada para que quedase ben enxoita. Eran usadas por rapaces afeccionados á música como paso previo á gaita de fol

Violín de millo. O son producíase ao fregar dous talos de millo verde. Un deles fai de arco e outro leva catro cordiñas que permiten producir melodías sinxelas e moi débiles porque non existe caixa de resonancia. Carpintero só atopou referencias a este instrumento en abadín (Lugo)

Corneta. Corneta reconstruida por Carpintero. As cornetas foron documentadas na comarca de Melide e construíanse unindo cilindros de codia de castiñeiro. Case sempre levaban tres furados para os dedos que permitían emitir melodías sinxelas. O seu uso é exclusivamente masculino

Castañola de cana. Fabricabánse cunha cana fendido na súa parte superior. Ao ser batida coa man o extremo inferior, as dúas metades chocaban e producían un son que recordaba ao das castañolas. Malia que no pasado ocupaba unha área maior, hoxe só aparecen na Limia, O Ribeiro e O Salnés

Fungadeira. Fabricada cun óso de porco atravesado por un cordel que ao xirar produce un zunido xordo. Considerábase un xogo de nenos, pero é posible que tivera usos vencellados á morte, igual que o abellón, un son zoante emitido polos asistentes aos velorios, para marcar o inicio do loito

Gaita de fol de Juan Ferreiro, gaiteiro de Laroá (Xinzo de Limia), restaurada por Carpintero

"Un neno de hai corenta anos era quen de construir, e tocar, vinte ou trinta instrumentos musicais diferentes. O carrizo, o fungueiro, o reque-reque ou o roncollo eran algúns deles, os máis sinxelos, que máis que instrumentos foron xoguetes para cativos e mozos.

Eran baratos e doados de fabricar, porque estaban na propia natureza: cascas de noz, talos de millo verde ou codia de castiñeiro servían para xogar a facer música nos momentos de lecer. Pero os dos nenos son só unha parte, nada desprezable, dos máis de 140 instrumentos que durante o século XX se construíron e tocaron en Galicia.

A meirande parte deles desapareceron nas últimas dúas décadas, pero un longo traballo de investigación de Pablo Carpintero (Carballedo, Lugo), luthier, afeccionado e estudoso da música tradicional galega, vén de rescatalos do esquecemento.

Os instrumentos musicais na tradición galega
(Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2009) documenta e describe os instrumentos galegos do século XX a través da memoria dos que os tocaron e construíron. (...)

Roscas, pipas de centeo, gaitas con vincha, charrascos e mirlitóns desapareceron conforme as aldeas foron quedando baleiras. O despoboamento do rural, acelerado nas últimas décadas, impuxo un cambio de hábitat letal para a creación de instrumentos tradicionais. Cambiaron as formas de ocio, e con elas o costume de crear música con obxectos cotiáns.

Divertirse era unha das finalidades, pero tamén aprender. Entre os 300 instrumentos que Pablo Carpintero atesoura na súa casa en Santiago -cos que lle gustaría, di, "facer no futuro un pequeno museo"- abondan as pipas de alcacén ou as gaitas de sabugueiro, chanzos intermedios cara a aprendizaxe da gaita de fol, o instrumento de maior estatus na tradición musical galega. Carpintero identificou os marcadores encubertos que explican as diferentes consideracións dos útiles empregados para facer música.

"Non é igual que se toque nunha foliada ou de xeito privado, como pasatempo ou adestramento, tampouco que o toque unha muller ou un home, un adulto ou un neno, unha nena ou un neno", afirma o autor, que dedicou os últimos 16 anos a falar con cantadoras, afeccionados e gaiteiros de toda Galicia.

Nesas conversas saíron a relucir as categorías inconscientes, nunca verbalizadas, relativas á filiación sexual e social dos instrumentos. "A maior parte dos útiles construídos para facer melodía están asociados aos homes, adultos ou nenos, como tamén o están aqueles que os acompañan ritmicamente", explica Carpintero.

Así, instrumentos como o tambor ou o bombo -unha parte nada desprezable dos vintedous membranófonos rexistrados na obra- son territorio masculino, como tamén o son os que acompañan o gaiteiro nas grandes celebracións.

A da muller, pola contra, é unha música máis cotiá, vinculada moitas veces ao traballo de fiado e a xuntanzas festivas de menor envergadura na que o instrumento -pandeiretas, cunchas, latas- acompaña á voz.

"No noso sistema de cultura tradicional existiu unha clara asociación entre o masculino e a melodía e entre o feminino e a voz", asegura Carpintero. Mesmo nalgunhas frautas moi sinxelas que elaboraban os cativos se aprecia a distinción. "Cando só pitan, fanas tamén as nenas, pero no momento en que se lle engaden buracos para producir melodía, é cousa de nenos", puntualiza.

Porén, hai excepcións que confirman a regra. Nos concellos de Piñor, O Irixo e O Carballiño, no noroeste ourensán, Carpintero documentou a existencia dun tambor exclusivamente feminino e habitual nas vodas, que os carpinteiros construían a petición das mulleres.

Tamén nos Ancares se teñen noticias deste instrumento, que debeu incorporarse á tradición galega en datas recentes, porque o tambor ten "unha longuísima tradición masculina".

A maioría dos útiles eran sinxelos: siringas (asubíos e chifres) fabricadas coas canas dos foguetes, tarrañolas (as castañolas dos nenos), estraloques de talo de millo que ao axitarse recordan ao estalido das flores de bilocroca e carrizos sen mais complicación que unha cavidade oca na que bate unha lingüeta de madeira.

A inclusión destes bens, que foron sobre todo enredos de cativos, na categoría de instrumentos musicais, parellos á gaita, á zanfona ou ao pandeiro, depende da finalidade coa que se usan e do virtuosismo do que toca. Como di Carpinteiro no libro, "o que toca a folla para facer un baile de xeito habilidoso é claramente un músico, e nese momento, a folla é o seu instrumento musical".

Mais na categoría final do instrumento e do propio músico interveñen outros marcadores, non sempre conscientes. Non é o mesmo tocar para un público nunha festa e cun contrato que facelo para un grupo de amigos e por simple pracer.

Con todo, é a gaita de fol a que acada a realización ideal na cultura tradicional galega: a súa semellanza con ela confire un estatus maior ao resto dos instrumentos.

A Fonsagrada (Lugo) conserva algúns dos instrumentos máis peculiares de Galicia. A trompa ou birimbau, un ferriño que contén unha palleta que vibra ao soprar sobre ela. A fabricación deste útil, empregado polos pastores nas horas mortas, era cousa de ferreiros especializados que chegaron a abrir talleres dedicados á súa produción.

Carpintero explica que o son da trompa -o canto de sapo, como lle chaman no concello lucense- se vincula á Amanita muscaria, un fungo alucinóxeno presente en rituais máxico-relixiosos durante o megalitismo.

O uso ritual dos instrumentos tradicionais tamén é evidente no charrasco, documentado na comarca do Ulla. O charrasco -un mastro de case dous metros de altura cruzado na súa parte superior por tres traveseiros con ferreñas- aparecía no Nadal e no Entroido acompañando aos requinteiros ou cantadores de concello como Teo, A Estrada ou Vedra.

Malia que perderon a súa morfoloxía orixinal, a súa inclusión en grupos de gaitas faille pensar a Carpintero que están a adquirir, "estatus de verdadeiros instrumentos musicais".

O rei David esculpido na fachada da catedral de Santiagoque dá ás Praterías sostén entre as mans o que podería ser unha viola medieval ou un rabel, presente na iconografía de numerosas igrexas e capelas de Galicia.

A Carpintero, o instrumento de Praterías recórdalle moito, pola forma e a maneira de agarralo, ao rabel de Porto, que aínda ten un tocador e construtor neste concello da comarca de Sanabria (Zamora) que ata o século XIX pertenceu á Galicia administrativa.

Presente nas Cantigas de Santa María, citado por Frei Martín Sarmiento e Xoán Manuel Pintos, o rabel tivo "certa presenza na música tradicional ata finais do século XIX". En Porto, porén, numerosas coplas proban a omnipresencia do rabel entre os pastores e nas festas familiares, como soporte da voz. Non hai no caso do rabel filiación sexual: tanto mulleres como homes o tocaron.

"Cando falaba con gaiteiros e lles preguntaba canto tempo botaran aprendendo a técnica, dicíanme que ao día seguinte de comprar a gaita xa a tocaban", relata Carpintero, sorprendido pola gran cantidade de frautas empregadas polos rapaces que aspiraban a tocar o instrumento galego de máis categoría.

En realidade, os mozos levaban tempo ensaiando con pipas de alcacén, avea ou centeo, gaitas de sabugueiro, roscas do Baixo Miño ou pitos de lata que aínda se podían comprar nas feiras ata ben entrado o século XX. Coa proliferación das bandas populares no século XIX incorporáronse certos tipos de saxofóns, pratiños e clarinetes alleos á tradición galega.

Menos traballados, algúns útiles cotiáns tiveron un uso musical coa popularización de certas marcas. Botellas labradas de anís e latas de pemento acompañaron o canto das fiadeiras na posguerra cando non había diñeiro para facerse cunha pandeireta." (El País, Galicia, 12/02/2010, p. 8/9)

No hay comentarios: