"Non podemos coñecer con certeza os movementos de voto -transvases entre
partidos e orixe das novas abstencións- que explican os resultados do
domingo (o estudo postelectoral do CIS daranos algunha pista máis). Pero
os datos que temos permiten aventurar e cotexar algunhas
hipóteses. Por exemplo no que se refire a ese descenso da participación
que non foi uniforme en todo o territorio.
Contando unicamente o censo de votantes residentes, o 26X acudiu ás urnas en Galicia o 69,63% da poboación, mentres que o 20D o fixera o 73%. A diferenza é dunhas 80 mil persoas.
No conxunto de España o descenso é semellante (69,84% fronte a 73,20%).
Analizando estes datos por provincias atopamos as primeiras variacións
significativas: as caídas son maiores na A Coruña (69,08% fronte a
72,47%), Lugo (68,27% fronte a 71,81%) e Pontevedra (70,73% fronte a
74,34%), que rexistran descensos de tres puntos e medio, que en Ourense
(69,82% fronte a 72,26%), onde a caída é un punto menor.
Pero se imos máis ao detalle e observamos no mapa os datos concello a
concello, vemos que aínda que aínda que na maior parte das localidades
(270 das 314) a abstención se incrementou, hai algunhas zonas, sobre
todo na zona rural de Ourense, onde a participación creceu.
Estes 44 concellos nos que si votou máis xente pertencen maioritariamente á provincia ourensá, e algúns á de Lugo, e
están encabezados por Avión, Folgoso do Courel, Beariz, Xermade,
Entrimo ou Muíños, onde a participación creceu máis de cinco puntos.
Pola contra, a participación descende de forma xeneralizada nas
zonas costeiras, encabezadas por Bergantiños e Costa da Morte, O Baixo
Miño, O Salnés e A Mariña, con caídas que roldan e mesmo superan os cinco puntos porcentuais.
Podemos aventurar algunhas hipóteses a partir destes datos. A quen
prexudicou este descenso xeral da participación? A quen beneficiou esta
maior mobilización nas zonas rurais de Ourense e Lugo? Cruzando os
rexistros sobre a variación da participación entre o 20D e o 26X coa
información sobre as características demográficas de cada concello
atopamos, por exemplo, que de forma moi clara as localidades nas
que se produciu unha maior desmobilización son aquelas nas que a media
de idade é menor. E, á inversa, os concellos nos que a participación
creceu (ou nos que descendeu menos) son aqueles con maior media de
idade. Podemos pensar, logo, que a abstención creceu entre a xente nova e que, en cambio, se activou o voto das xeracións maiores.
Cruzando os datos de participación cos datos de voto a cada
candidatura, concello a concello, podemos chegar tamén a algunha
conclusión interesante. Vemos que PP e PSOE melloraron algo as súas
porcentaxes de votación naqueles concellos nos que as caídas de
participación foron maiores, aínda que as tendencias non están moi
marcadas.
E, á inversa, En Marea e BNG rexistraron maiores caídas nas
localidades nas que a desmobilización do electorado foi maior en
comparación coas eleccións de decembro.
Podemos aventurar que unha parte moi importante dos novos e
novas abstencionistas foran votantes de En Marea e Nós o 20D. Pola
contra, o PP asentou o seu crecemento nunha activación do voto nalgúns
sectores e zonas que, xunto cos transvases recibidos, explica o
incremento de 33 mil votos obtido polos populares.
Os socialistas,
finalmente, aproveitaron a desmobilización do voto de En Marea (que caeu
65 mil votos) e BNG (uns 25 mil) para crecer algo en porcentaxe (case
un punto) a pesar de perder uns cinco mil votos." (Marcos Pérez Pena, Praza Pública, 27/06/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario