"Joaquín García, máis coñecido por Costiña, foi un dos
fotógrafos coñecidos na Guarda, onde viviu entre os anos 1894 e 1957.
Hai uns meses as súas netas atoparon nun faiado, mentres facían unha
mudanza, oito rolos de película e unha gran cantidade de fotografías, en
papel e nas súas placas de cristal, que datan mesmo dos anos 20. De
feito, as gravacións -realizadas entre 1926 e 1929- supoñen as filmacións da Guarda máis antigas que se conservan.
O Proxecto Socheo, que dende hai anos traballa na recuperación deste tipo de arquivos audiovisuais no Baixo Miño, recibiu estes materiais, analizounos e restaurounos, conformando con eles unha exposición, Camiños da Imaxe, que se inaugura este venres na Casa dos Alonsos da vila.
Na mostra, que se acompañará dunha proxección nocturna dos filmes na Praza do Reló,
pódese atopar unha escolma das fotografías tiradas por Costiña a
veciños da Guarda e da súa contorna, ademais de obxectos persoais do
fotógrafo. Tamén se poderán ver as películas, dun enorme valor
etnográfico, pois recollen dende escenas familiares, ata romarías e
festas populares, pasando pola vida das aldeas ata a protagonista
actividade mariñeira na localidade.
"Ao facer unha mudanza apareceron 8 rolos, 4 filmados polo propio Costiña e outros catro distribuídos por Pathé: noticiarios, filmes cómicos de Harold Lloyd e Charles Chaplin, e filmes relixiosos", explica
Xurxo González, de Proxecto Socheo. "Son as filmacións máis antigas que
se conservan da Guarda. Non de Galicia, por suposto, xa que temos A botadura do acoirazado Alfonso XIII (1913) e algúns filmes de José Gil.
Da Guarda tiñamos imaxes tiradas en 1929 para a película Un viaje por Galicia,
realizada por Luis R. Alonso nun encargo da Deputación de Pontevedra co
gallo da Exposición Iberoamericana de Sevilla. Alí pódese ver o monte
de Santa Trega. Pero as gravacións de Costiña son anteriores, filmadas
entre 1926 e 1929".
González destaca que "as filmacións máis espectaculares son as mariñeiras",
pero detalla que "hai catro grandes bloques temáticos: as imaxes
familiares, nas que se ve como era a casa, os animais que vivían ao
carón, as leiras, como recollían patacas...; hai un segundo bloque da
aldea, na que se ve a aldea do Castro, de onde era a esposa de Costiña;
un terceiro bloque é o do pobo, no que se recollen as festas e
romarías; e un cuarto bloque, mariñeiro, na que se ve o barrio da
Mariña, os pescadores de cana, recollendo argazo, embarcacións
tradicionais, motoras, imaxes do Berbés de Vigo...".
"Son imaxes cun forte carácter etnográfico, unha consideración que fai
destas imaxes uns documentos patrimoniais de grande magnitude", sinala
González. Beli Martínez, produtora da exposición, sinala que a mostra permitirá
"viaxarmos no tempo pola historia da Guarda.
Será unha porta a través
da que poderá escoitarse a chamada dos nosos antepasados. A
maioría das facianas das fotografías non sabemos a quen pertencen, polo
que convidamos a todos os guardeses a que entren no proceso que propomos
e nos axuden a identificalas”.
O responsable de Socheo destaca tamén que "as fotografías foron outro grande achádego".
Son preto de 500 placas de cristal ademais dalgunhas en papel, que son
"o outro gran tesouro que se vai ver na exposición". "Evidentemente, non
puidemos imprimir todas, fixemos unha pequena escolma dunhas 50.
Pero o
resto van poder verse tamén, a través dun ordenador. E de seguro que
moita xente pode identificar nelas algún familiar", sinala. A exposición
poderá verse ata o vindeiro 15 de agosto. Porén, as actividades ao
redor de Costiña chegarán ata novembro, cando se presentará un libro colectivo dedicado a súa vida e a súa obra no que interveñen especialistas do mundo da fotografía e do cinema como Manuel Sendón, Luis Parés ou Fernando Redondo.
Xurxo González conclúe cun consello: "Que a xente extreme a
precaución antes de tirar as cousas que ten gardadas nalgún faiado,
porque as veces pode haber algún tesouro agochado, que se poña en contacto con xente que saiba, para poder recuperar estes filmes e fotografías".
O Proxecto Socheo
O Proxecto Socheo, que botou a andar en 2012, é unha iniciativa que quere
localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron
gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un
patrimonio audiovisual local e proxectalo cara ao mundo.
A maior parte este traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en youtube que superou as 100.000 visitas e no portal www.proxectosocheo.com. Pódense visionar máis de 350 películas desde finais da década dos anos 20 ata a actualidade.
Da man do IES A Sangriña, acadou o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte no ano 2014. E mereceu a atención e sesións especiais en Cineuropa, no CGAI, na exposición Plan de Rescate na Coruña, no proxecto Grand Treasures en Estonia, en Memoria Acústica Europea, no Memorybytes de Barcelona ou no II Encontro para a creación común de cinema doméstico… Os seus impulsores solicitan a colaboración de todo aquel que teña gardada algunha gravación na súa casa.
"Emigrantes,
mariñeiros, turistas, veciños en xeral … todas teñen valor", destacan,
ao tempo que lembran que "as imaxes analóxicas que se facilitan a Socheo
dixitalízanse e edítanse adecuadamente sen ningún custe para o
particular"." (Marcos /Pérez Pena, Praza Pública, 20/07/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario