13/7/16

Propostas para mudar o rural galego: cambiar os usos da terra, potenciar as cabeceiras de comarca e fusionar concellos

"Potenciar as cabeceiras de comarca para concentrar servizos básicos, fusionar concellos e artellar un novo modelo de aproveitamento das terras improdutivas. Estas son tres dunha serie de propostas para mudar o rural galego, saídas do Foro Económico de Galicia, plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade, que reuniou este xoves en Ribadavia a economistas e empresarios para buscar solucións de futuro para o rural galego, para o seu desenvolvemento económico e para a mellora da calidade de vida nel.

Na cita, baixo o título 'Propostas para a Galicia rural do século XXI', 25 investigadores analizan propostas de Juan Picos e María Xosé Vázquez, da Universidade de Vigo; David Peón, da Universidade da Coruña; Melchor Fernández e María do Mar Pérez, da Universidade de Santiago; José Manuel Andrade, da Fundación Juana de Vega; José González, do Casal de Armán, complexo de enoturismo no que se celebra a xornada, e dos coordinadores da xornada, Albino Prada, do Grupo de Investigación Governance and Economics Research Network Gen, e Edelmiro López, experto en economía rural e profesor da Universidade de Santiago.

Os traballos dos economistas e empresarios participantes propoñen solucións para o rural galego, que representa o 75% do territorio pero só conta co 25% da poboación e menos do 20% do PIB.

“O rural xa non é principalmente agrario, mais aínda non é outra cousa”, destacou Edelmiro López nas primeiras sesións da xornada. Segundo os seus datos, só a cuarta parte dos habitantes do rural galego teñen a agricultura como actividade principal. Neste contexto, as propostas do Foro Económico de Galicia para evitar o declive do rural galego baséanse en tres enfoques: os habitantes, as terras e as demandas actuais da sociedade

Os expertos reunidos en Ribadavia apuntan medidas destinadas a xerar novas oportunidades económicas e de emprego e solucións para a dotación de servizos públicos e privados, a través da súa concentración nas cabeceiras de comarca e da mellora do transporte e o acceso a Internet. Tamén se propón a reorganización administrativa, a través da comarcalización ou fusión de concellos. 

Para as terras lánzanse medidas dirixidas a que as terras abandonadas produzan, partindo dunha ordenación dos usos (agrogandeiros, forestais, industriais, turísticos). Todas esas medidas, recalcan, deben ter como base as demandas que o conxunto da sociedade fai actualmente ás áreas rurais.

Entre os puntos tratados na xornada están medidas lexislativas que permitan resolver o uso das terras entre propietarios de terras, residentes no rural e non residentes (empresas). Só o 22% das terras está actualmente dedicado a cultivos e pastos, polo que propoñen estudar o aproveitamento agrario e forestal por parte de non residentes do territorio abandonado e improdutivo e o aproveitamento dos recursos ligado ao turismo.

Sobre a reorientación do modelo produtivo das explotacións agrarias, poñen o foco na aposta pola diferenciación dos produtos agrarios e as marcas de calidade e na utilización das axudas aos investimentos das explotacións, os pagamentos agroambientais e outras medidas para fomentar sistemas máis ligados á terra.

As medidas esbozadas tamén inclúen o desenvolvemento das industrias agroalimentarias, a través de políticas públicas máis selectivas; a diversificación produtiva e apoio aos novos emprendementos no medio rural e o apoio económico á explotación forestal.

A Xunta, indican os expertos, xestiona o 40% dos montes e converteuse no maior vendedor de madeira de piñeiro. Neste contexto, chaman a atención sobre aspectos como incentivos fiscais ao investidor forestal e servizos de apoio ao produtor.

Por último, lanzan a idea de creación dunha rede de infraestruturas de usos múltiples. Ante a dificultade de acceso a servizos como banca, tendas, sanidade, ensino ou transporte, economistas e empresarios propoñen medidas como concentrar nas cabeceiras de comarca e nunha soa instalación a combinación de servizos de educación, cultura, sanidade, entre outras cuestións, informa a Universidade de Vigo."                   (Galicia Confidencial, 01/07/16)

No hay comentarios: