12/7/16

Vítimas de Angrois esixen investigar as "claves" do sinistro e non só ao maquinista, como pide a UE no seu informe

"As vítimas do accidente de Angrois recibiron este xoves, coa mediación do BNG, o informe da Axencia Ferroviaria Europea sobre o sinistro. Como fixera a Audiencia da Coruña no auto co que ordenou reabrir o proceso xudicial, as autoridades comunitarias certifican que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), nomeada polo Ministerio de Fomento para indagar no sucedido, non ten carácter "independente".

 Pero ademais, subliña que as pescudas da CIAF non atenderon ás "causas fundamentais" do acontecido, cinguíndose unicamente á máis directa, o erro do maquinista. Este reproche comunitario é o que leva a Plataforma Víctimas Alvia 04155 a esixir unha nova investigación sobre as "cuestións clave" do sucedido, e non só sobre o condutor.

Alén de que, a xuízo da plataforma, a consecuencia inmediata do informe debera ser o cesamento nos seus cargos da ministra Ana Pastor e do resto de "máximos responsables" de Fomento, Adif e Renfe, coidan que o seu contido amosa ás claras que está xustificada a súa esixencia "dunha investigación independente, que esclareza as verdadeiras causas", unha "esperanza" que albergan tamén coa reapertura da instrución xudicial. En vésperas do terceiro aniversario do accidente, resaltan, fica claro que as "cuestións máis relevantes" do acontecido están aínda por aclarar.

Así, por exemplo, subliñan, o informe deixa "claro" que a propia composición da CIAF "non garante a independencia", ao estar formada por persoas vinculadas a Adif, Renfe e mais Ineco, a empresa pública que lle deu o seu visto e prace ao sistema de seguridade da liña Santiago-Ourense e propuxo "exportar" riscos ao maquinista. Deste xeito, indica a plataforma, a investigación oficial "non deu resposta", precisamente, ás "preguntas clave" ligadas á xestión destas tres entidades. 

"O informe da CIAF céntrase no fallo humano e non determina as causas estruturais" do accidente, obviando "causas principais como o cambio do proxecto que rebaixou a seguridade e a desconexión do sistema de control de velocidade" que "de non producirse, evitaría o accidente".

A falta de análise do deseño da liña, das características do tren ou das autorizacións da posta en servizo, así como a falta de audiencia ás propias vítimas -que a UE esixe-, son outros dos elementos aos que alude á plataforma e que tamén salienta a voceira do Bloque en Bruxelas, Ana Miranda, quen actuou de mediadora entre as vítimas e as autoridades europeas e a quen a Axencia Ferroviaria Europea entregou formalmente o informe -Miranda solicitou poder ser acompañada polas vítimas-. 

Alén dos "atrasos" e atrancos na entrega do documento, Miranda amósase satisfeita por obter un documento que "responde á demanda" das vítimas, pero tamén á "demanda cidadá" en xeral de obter unha diagnose "neutral". "Non somos electoralistas, non importa que fose despois das eleccións", asegura.

Novos pasos na Eurocámara e en Galicia

A axencia europea "sempre tivo claro que non ía tomar posición sobre culpabilidades, que é tarefa do xuíz", pero si "vai moito máis alá do que agardabamos" ao identificar as claves do accidente que ficaron sen investigar ademais de subliñar que as indagación non foron "independentes" -esa falta de independencia, resalta, acredítase mesmo no feito de que foi Fomento quen divulgou este xoves a resposta oficial da CIAF ao informe-. 

Unha vez obtido o informe, resalta a voceira do Bloque na Eurocámara, o "seguinte paso" será reclamar "unha nova investigación internacional", porque a actual CIAF "xa non vale", ademais de continuar a impulsar as dúas denuncias ao respecto que seguen abertas na Comisión de Peticións do propio Parlamento Europeo e a interposición dun recurso "polo incumprimento da obriga de independencia na investigación" por parte do Reino de España.

Xunto ás iniciativas internacionais, a portavoz nacional do BNG e o seu voceiro parlamentario, Francisco Jorquera, anunciaban tamén este venres a petición da convocatoria dunha xunta de portavoces extraordinaria no Parlamento de Galicia como paso previo a unha nova petición formal de comisión de investigación sobre o accidente.

 A última vez en que esta petición se rexeitou foi a comezos de xuño, cando o PP volveu votar en contra da petición formulada polo propio Bloque e mais por AGE, mentres que o PSdeG, como noutras ocasións, optou pola abstención, se ben desta volta subliñou a demanda dunha nova investigación técnica por unha CIAF "renovada", cunha nova composición, xa que, subliñaban os socialistas, a Audiencia da Coruña xa acreditara que a comisión non é independente, como agora referenda a UE."                   (David Lombao, Praza Pública, 08-07-16)

DOCUMENTO | Informe íntegro da Axencia Ferroviaria Europea sobre o accidente de Angrois

No hay comentarios: