24/11/16

Este centro discapacitados da Xunta segue sen usarse 10 anos e 9 millóns despois

 O CEGADI ten máis de 8.000 metros cadrados /MV Exterior dos 8000 metros cadrados do CEGADI/MV

"Nas listas de mastodontes urbanísticos que fai a prensa galega -a miúdo tinxidas de localismo- acostuma a faltar unha infraestrutura que, curiosamente, está moi preto da sede princiapl da Xunta e, ademais, está pensada para un dos colectivos que máis axuda precisan, as persoas con discapacidade.

Trátase do Centro Galego da Discapacidade (CEGADI), un enorme edifico de máis de 8.000 metros cadrados situado en Meixonfrío, a menos dun quilómetro das consellerías de San Caetano en Santiago Compostela. 

O Goberno Galego investiu nel 9 millóns de euros para, entre outros fins, crear unha residencia para 32 discapacitados e atender a outros 60 nun centro de día e rehabilitación, segundo as cifras publicadas na época do bipartito. “Vicepresidencia dedica 8,7 millones para que en 2009 esté listo el centro de atención integral” proclamaban por entón, 2008, os titulares de prensa. 

O certo é que máis de sete anos despois e dez dende as primeiras noticias sobre a súa construción, que son de 2006 cando o Concello de Santiago cedeu os terreos, o CEGADI segue sen entrar en funcionamento. E o que é máis preocupante, as instalacións -completamente rematadas- están xa a sufrir un evidente deterioro ante o desuso do edificio.

Por exemplo, segundo comprobou GC esta fin de semana, a piscina do CEGADI está repleta de auga de color verdoso, probablemente produto da aparición de algas. O ‘verdín’ inza polo vaso da piscina, o lixo acumúlase nas rampas exteriores de acceso para as persoas coas cadeiras de rodas e varias portas e ventás teñen -malia a presenza de cámaras de seguridade- os cristais estalados. Esta imaxe de desleixo está a restar valor a un edificio moderno, con todo rematado -incluso os extintores nas paredes- pero baleiro por completo, sen equipar e sen uso.

Pensa a Xunta facer algo para sacar ao CEGADI do seu abandono? Cuestionada a Consellería de Política Social ao respecto, voceiros oficias aseguran que o Executivo  “prevé a posta en marcha desta infraestrutura para finais deste ano 2016” unha vez solventadas unha “serie de cuestións que aínda están pendentes”, eivas que non identifica.

A última razón que a Administración expuxo  para non darlle uso a foi a falta dunha adecuada conexión a eléctrica. Ao parecer, cando se deseñou o centro non se preveu potencia dabondo para o barrio, unha das zonas de Compostela que máis medrou durante o ‘boom’ do ladrillo. 

Política Social sacou en xaneiro un concurso para solventar esta eiva. Segundo figura no cartel das obras que está no exterior, a adxudicataria tiña 7 semanas para cumprir. Con todo, a finais de setembro o traballo non estaba finalizado de todo.

“Respecto da instalación eléctrica, a obra está practicamente executada a falta dunha conexión interior ao cadro xeral do edificio e á instalación dun dispositivo de detección. Así mesmo, compre(sic) subsanar numerosas deficiencias que se teñen detectado nesta infraestrutura e que a empresa adxudicataria dos traballos ten que realizar. Non entanto se solventen estas cuestións non se pode solicitar a autorización a Fenosa e a licenza de primeira ocupación”, explican dende Política Social.

Que fará a Xunta con el cando dunha vez por todas solvente o problema da luz? Os plans do Goberno anterior -e polo tanto pode que os do próximo- pasaban por cederllo a COGAMI, unha das principais asociacións de persoas con discapacidade física do país. Trátase dunha privatización até certo punto, pois COGAMI malia o seu evidente fin social e carecer de ánimo de lucro non deixa de ser un persona xurídica privada. 

Ademais, cederlle un edifico público a unha entidade privada non é nada doado xurídicamente. “Con relación a COGAMI restan por pechar algún detalles sobre a concesión do inmoble que agarda se resolvan en breve”, indican dende a Consellería, incapaces de determinar un prazo para que o CEGADI abandone un limbo que dura demasiados anos.

O primeiro anuncio da infraestrutura fíxose en 2006, as obras comezaron en 2007 e déronse por finalizadas seis anos despois, en 2013. Polo camiño houbo un cambio de goberno e Galicia sufriu o impacto da crise e os recortes no sistema de benestar executados polo goberno Feijóo e referendados nas urnas. 

Así seguen as cousas, máis de dez anos despois e 9 millóns despois, os discapacitados seguen o seu centro e o Goberno segue sen ser quen de concretar unha data para inauguralo. Mentras, o ‘verdín’ segue a facer o seu traballo. O mofo nunca descansa."                 (Galicia Confidencial, 11/10/16)

No hay comentarios: