1/12/16

Adeus aos pagos en negro nas orquestras?

 Cantantes da Orquesta Panorama | Fonte: orquestas5c.blogspot.com

"O das orquestras de verbena é un dos maiores subsectores da industria cultural do país. Con todo, até hoxe as relacións laborais nel estaban completamente desrreguladas.

Isto facilitaba o abuso a través da figura dos falsos autónomos e pagamentos en negro masivos, como o polo que está a ser investigado Espectáculos Lito, o que era o principal operador no país.

 No sector aplicábase, cando se aplicaba, o convenio de sala de festas estatal, de peores condicións e evidentemente non acaído a realidade moi estacional da economía das romerías.

A situación pode mellorar agora porque, tras tres meses de negociacións, os sindicatos CIG, CCOO, UGT e CSIF veñen de presentar en rolda de prensa o articulado definitivo do “I Convenio Colectivo do Sector de Orquestras de Verbena de Galicia”. Segundo datos facilitados por Comisións Obreiras, o asinado afectará directamente a uns 4.500 traballadores dunhas 300 orquestras galegas.

Os sindicatos asegura que se trata de todo un “fito” que non estivo exento de dificultades e ameazas que mesmo puideron fanar as negociacións. Un dos primeiros retos foi o de conseguir que a patronal se organizase para poder establecer as mesas de negociación.

 Así, antes do verán pasado, vían a luz AGO e ASEVEGA, entidade esta última que se desmarcou na penúltima xuntanza. A CIG acúsaa de”ter intentado rebentar o proceso, dedicándose a asinar diferentes convenios de empresa de xeito simultáneo”. “O seu representante acordaba convenios en precario con salarios de 30 euros ao día en empresas nas que se manipularon eleccións sindicais”, denunciaron.

Segundo Pedro Pérez, secretario de negociación colectiva da CIG-Servizos, no sector prima “que cada empresario actúe como lle vén en gana sen ter en conta os dereitos dos traballadores/as”. Alén disto, séntanse as bases para que as orquestras materialicen o requisito de se constituíren como empresa, algo que “contribúe a regularizar o sector”, segundo o sindicalista.

O convenio regula os ámbitos, organización do traballo, clasificación de persoal, tempo de traballo, estrutura retributiva, réxime disciplinario, dereitos sindicais e saúde laboral.

No tocante ás retribucións, establécense diferentes táboas dada a realidade da existencia de pequenas, medianas e grandes orquestras, en función da súa facturación anual. Estarán obrigadas a entregar as contas á comisión paritaria para poderen clasificarse na súa correspondente táboa.

Distínguese, asemade, entre temporada alta, do 1 de maio até o 31 de outubro, e temporada baixa, o resto do ano. Así mesmo, regúlase tanto o tempo de traballo como a xornada ordinaria, cunha xornada máxima anual de 1.680 horas, distribuídas en 36 horas semanais.

Tense en conta, tamén, unha maior cobertura de incapacidades temporais dada a realidade e especificidade do sector (viaxes, pernoctacións…) así como dos riscos laborais ao estaren traballando sobre escenarios ou plataformas elevadas.

Raimundo Méndez, de UXT, valorou que, ao partir de cero, o convenio colectivo asinado o pasado luns regula cuestións como a xornada laboral (que pasa a ser de 1.680 horas anuais), os descansos (que antes non se contemplaban), as enfermidades (cunha cobertura do 85% durante os primeiros 20 días e do 100% a partir de aí) e as coñecidas como 'sesión vermú', que antes nin se pagaban.

As empresas tamén terán a obrigación de computar os ensaios como xornada laboral, algo que ata o momento non se facía, ante a indignación da parte social; e os profesionais cotizarán "como un traballador máis", de modo que verán factible o acceso ás prestacións sociais.

Enrique Pérez, de CSIF, reivindicou que, aínda que a negociación foi "difícil", chegou a "bo porto", e agora, no suposto de verse na necesidade, un traballador poderá acudir aos xulgados para demandar os seus dereitos.

Mentres, Pablo Morán, músico de profesión, tivo palabras de recordo para Benedicto García, cantante, profesor e sindicalista que estivo vinculado ás colectivo Voces Ceibes, e para Anxo García 'Gelo', actual alcalde de Oleiros (A Coruña), pola súa pioneira tarefa neste campo."           (Galicia Confidencial, 18/11/16)

No hay comentarios: