13/3/17

‘El destacamento penal de las minas de wolfram de Valborrás de Casaio’

"A obra constitúe o número 42 da serie Anejos de Cuadernos de Estudos Gallegos, publicada por Editorial CSIC. "Presenta os resultados dunha investigación do amplo e desordenado fondo documental custodiado no Arquivo Histórico Provincial de Ourense e en arquivos familiares, achega do destacamento penal para a Redención das Penas polo Traballo, establecido nas minas de volframio de Valborrás de Casaio (Carballeda de Valdeorras, Ourense) desde novembro do 1942 ata xullo de 1944", explica o seu autor, Isidro García Tato.

"Nese destacamento redimiron penas polo traballo preto de 500 penados, todos eles ex-combatentes republicanos da Guerra Civil, procedentes de case toda a xeografía española. Para o seu estudo recorreuse, desde o punto de vista metodolóxico, a unha epistemoloxía realista, por iso é polo que o labor heurística, a procura, a lectura, a transcrición e a publicación de fontes manuscritas sexan imprescindibles, como se constata no Apéndice documental do libro", detalla o autor.

O libro, de preto de 800 páxinas, consta de sete capítulos aos que se unen as conclusións e o apéndice documental, que se divide en cinco bloques (Explotación das minas de wolfram; Destacamento penal de Valborrás, Accidentes e enfermos durante o tempo que durou o Destacamento Penal, Exhumación dos restos do penado andaluz Miguel Cardeñas Lozano e Documentación fotográfica das dúas últimas épocas da explotación mineira).

Iníciase cunha exposición da evolución histórica das explotacións de volframio en Valborrás (Casaio de Valdeorras, Ourense), prestando especial atención á fase alemá (1938-1945), período durante o cal tivo lugar a creación do destacamento. Expóñense os motivos que levaron á creación dun centro penal nesas minas. Ademais, preséntase a evolución do número da poboación recluída e o réxime penal.

A obra aborda as causas da supresión do destacamento a partir de varias fugas de reclusos, que tiveron lugar a finais de xuño e principios de xullo de 1944, e inclúe a relación dalgúns dos reclusos cos maquis.

Finaliza cunha breve referencia á Xunta Local de Servizo de Liberdade Vixiada do Municipio de Carballeda, constituída o 23 de setembro de 1943 para controlar e regular a poboación en liberdade vixiada que seguiu traballando tanto nas minas de Valborrás como nunha filial de Renfe, denominada Explotación Forestal 'La Cabrera', dedicada á talla, construción, transporte polo río Casoio de travesas de carballo, destinadas á vía férrea.

"O seu obxectivo é ser un libro de historia e así como as casas se fan con pedra, madeira, bloques ou ladrillos, a historia elabórase con documentos. Onde non hai documentos non hai historia", destaca García Tato.

"Como conclusión, pódese afirmar que o destacamento estivo en íntima relación coa actividade bélica. Por unha banda, as minas estaban destinadas desde o comezo da súa explotación, ao redor da I Guerra Mundial, á produción de wolfram, material imprescindible para a industria armamentística bélica. Por outra banda, todos os reclusos que pasaron polo Destacamento foron integrantes do exército republicano na Guerra Civil española, polo que foron condenados a 20 ó 30 anos de reclusión", explica García Tato."                  (Galicia Confidencial, 02/02/17)

No hay comentarios: