7/3/17

Os letrados do Consultivo rebélanse contra a "ilegal" reforma da Xunta para nomealos a dedo

"A treboada política en torno ao Consello Consultivo recrúa. No amplo paquete de reformas legais pola vía rápida que a Xunta promove a través da lei de acompañamento dos orzamentos de 2017 -mudanzas en máis dunha vintena de textos legais nunha soa operación, moitas non ligadas ao orzamento e con menor trámite parlamentario que pola vía ordinaria- o gabinete de Alberto Núñez Feijóo introduciu a supresión do corpo de letrados do Consello Consultivo, o órgano que informa sobre os proxectos legais do Executivo e que nos últimos anos emitiu ditames tan relevantes como o que advertiu das ilegalidades no decreto do plurilingüismo, se opuxo a que cada colexio peneire o alumnado antes de admitilo ou subliñou que o Sergas pretendía adoptar decisións "contrarias ao ordenamento xurídico"

Agora estes letrados veñen de advertir dunha nova "ilegalidade". A que, aseguran, a Xunta pretende cargar sobre eles mesmos.

Segundo a nova redacción do texto, de cuxo encaixe legal dubidaron nos últimos días En Marea e o PSdeG, estes letrados -actualmente son cinco- que elaboran os informes xurídicos nos que o Consultivo basea os seus ditames pasarían a integrarse na escala de letrados da Xunta.

 Entre este corpo xeral seleccionaríanse os do Consultivo pola vía da libre designación, atendendo a criterios de "especial responsabilidade, confianza e cualificación profesional". Tras as primeiras alertas políticas a Asociación Profesional de Letrados do Consello Consultivo decidiu fixar postura pública nun duro comunicado feito público este domingo.

A reforma, resaltan, chega apenas tres anos despois de que a vixente lei do Consultivo fose aprobada cun amplo consenso -cos votos de PP e PSdeG-, polo que "cabería" agardar que a Xunta se limitase a introducir "modificacións puntuais ou de detalle". 

Máis aínda tendo en conta que promove a reforma pola vía da lei de acompañamento, que "se debería limitar a actualizar, de xeito estrito, aquelas disposicións legais que o precisasen dende unha óptica propiamente orzamentaria". E este "non é o caso, nin de lonxe, da substancial reforma" que os conservadores tentan aplicar.

Dende o seu nacemento en 1995, lembran, o Consultivo conta cun corpo de letrados de seu e a súa existencia "sempre se considerou como un elemento esencial da independencia orgánica e funcional da institución". 

 No entanto, o PP disponse a "suprimir este corpo funcionarial" sen "achegar o menor razoamento que xustifique tan sorprendente decisión" e dispoñendo "que os letrados e letradas do Consello pasen a integrarse" na Xunta, o que implica "unha vinculación xerárquica" co propio Goberno.

 "Non parece -reflexionan- que a medida proxectada contribúa a reforzar a independencia do superior órgano consultivo das administracións públicas de Galicia. 

"Resulta ademais -engaden- moi difícil de explicar que unha modificación deste alcance se promova sen sequera informar previamente ao propio Consello Consultivo" nin á Comisión de Persoal, malia ser "a primiera vez que se leva a cabo na comunidade autónoma a supresión dun corpo de funcionarios".

Consecuencias e advertencia a Feijóo

Neste contexto, se a reforma da lei segue o seu curso os letrados serán "inmediatamente removidos" dos seus postos, que pasarán a ser obxecto dunha "provisión por libre designación" por parte do presidente do Consello, o cuestionado José Luis Costa Pillado, que pasará a gozar de "omnímodas facultades para designar e cesar o persoal da súa confianza que no futuro exercerá estas funcións". 

Se sucede, indica a asociación, o Goberno estará tomando unha decisión contraria á lei de emprego público do ano 2015, pero tamén "vulnerando o dereito constitucional de acceso en condicións de igualdade a cargos e funcións públicas", xa que o Tribunal Constitucional "ten precisado" o "dereito a non ser removido do cargo se non é polas causas e de acordo aos procedementos legalmente establecidos".

"A patente ilegalidade do texto neste punto esixe unha redacción alternativa que, cando menos, respecte" a lei de emprego público promovida pola propia Xunta hai apenas dous anos. "De aprobarse este proxecto nos seus actuais termos verémonos obrigados a opoñérmonos, impugnando os seus actos de aplicación con todos os medios que o Estado de Dereito pon ao noso alcance", advirten, nun contexto no que resaltan que a Xunta está a "crebar o consenso" en torno ao Consultivo e a "furtar do control parlamentario o debate sobre tan cuestionables contidos" qu erefomran un órgano situado como "peza clave na loita contra a corrupción".

Todo isto sucede nun contexto, resaltan, no que o propio presidente da Xunta "subliñou, en recentísimas declaracións, as notas de independencia e autonomía que presiden o actuar do Consello Consultivo. "Por coherencia con estas manifestacións é necesaria unha explicación inmediata e transparente en sede parlamentaria" das razóns desta "polémica reforma".

 "De non ser satisfactorias tales explicacións, a reforma debería ser reconsiderada de inmediato" e, ao cabo, retirada. "Noutro caso, o dano á institución será moi dificilmente reparable", conclúen."         (Praza Pública, 05/02/17)

No hay comentarios: