20/4/17

Un modelo matemático para predicir o futuro do galego: "o bilingüismo será un trazo estable e ambos os grupos monolingües sobrevivirán, co grupo español probablemente dominando"


 Resultados do modelo matemático desenvolvido por Jorge Mira sobre a evolución en Galicia dos falantes en galego (azul), falantes en castelán (vermello) e bilingües (verde), compatible cunha coexistencia estable, segundo o autor | Fonte: Seoane LF and Mira J. Modeling the life and death of competing languages from a physical and mathematical perspective. In Bilingualism and Minority Languages in Europe: Current trends and developments (F. Lauchlan, M. C. Parafita Couto, eds.), pp.70-93 (ISBN: 978-1-4438-1943-5). Cambridge Scholars Press (2017).

"A Física e as Matemáticas poden explicar como evolucionou a coexistencia da lingua galega coa castelá e como será a súa convivencia no futuro. Modeling the life and death of competing languages from a physical and mathematical perspective é a nova aportación á literatura científica que fan Luís Francisco Seoane —Departamento de Física do Massachusetts Institute of Technology (Estados Unidos)— e Jorge Mira —Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC)— para repasar e actualizar os traballos fundamentais que se teñen feito sobre contextos bilingüístas aplicando leis matemáticas.

Os científicos galegos veñen de publicar o seu artigo no libro Bilingualism and Minority Languages in Europe: Current trends and developments (Cambridge Scholars Press, 2017), onde repasan os métodos e resultados "sólidos" dos estudos matemáticos e con base teórica física que se veñen aplicando na lingüística para explicar condicións e facer predicións verificables con respecto á supervivencia dunha lingua nas poboacións bilingües. Entre eses novos modelos de estudo atópase o deseñado polo propio Jorge Mira, en colaboración con Seoane e o profesor Juan Nieto, do Departamento de Análise Matemática da USC.

Xa en 2011, os tres científicos galegos publicaron na revista New Journal of Physics o artigo 'The importance of interlinguistic similarity and stable bilingualism when two languages compete', no que expuxeron os resultados da aplicación do seu modelo matemático á realidade lingüística galega

Daquela xa evidenciaron que dúas linguas poden coexistir pacificamente se se cumpren dous factores: que os idiomas sexan parecidos —para o cal se mide a distancia entre ambas as linguas— e que teñan un estatus similar, é dicir, que gocen dun prestixio similar entre os falantes. Se se dan estas dúas condicións, a competición entre dúas linguas como a galega e a castelá non debería levar á desaparición dunha delas.

Segundo Jorge Mira, autor principal desa investigación, en Galicia é "perfectamente posible" a convivencia destas dúas linguas. De feito, o seu modelo matemático predí unha perfecta coexistencia.

Mira comezou a deseñar o seu modelo en 2005, logo de coñecer o traballo realizado en 2003 polos investigadores Abrams e Strogatz, nun artigo na revista Nature, no que levaron a cabo unha análise innovadora sobre a dinámica da evolución do número de falantes de dúas linguas cando conviven no mesmo espazo. 

A conclusión destes autores foi que cando dúas linguas están en contacto, unha delas acaba impoñéndose á outra. A partir daquí, Mira comezou a traballar no seu modelo, publicado en 2005 na revista Europhysics Letter xunto co físico da USC Ángel Paredes. Con el foi capaz de reproducir en Galicia a variación histórica nas porcentaxes de falantes en castelán, galego e bilingües

Unha vez aplicado o modelo para estudar a evolución da convivencia de ambas as linguas dende o pasado até o presente, o reto foi comprobar se o modelo matemático era estable para predicir o comportamento futuro. Así foi como desenvolveu o seu modelo matemático, baseado nun sistema de ecuacións diferenciais nas que se introduciron os dous parámetros para medir: a distancia entre linguas e o seu estatus.

Así, atopuse que nun par de décadas en Galicia haberá aproximadamente un 50% de bilingües, un 30% de monolingües en castelán e un 15% de monolingües en galego. Con todo, Mira xa advertiu de que o galego necesitará potenciar o seu prestixio para sobrevivir ou estará condenado á extinción.

COMPUTAR A SIMILITUDE

Os resultados de Mira refutaron a hipótese de Abrams e Strogatz, basicamente porque estes traballaran sobre as relacións inglés-galés, inglés-gaélico e castelán-quechua, linguas distantes, completamente diferentes na súa natureza, ao contrario que o galego e o castelán, que aínda que diferentes, son máis parecidas. Computar a distancia entre linguas foi a gran aportación de Mira para o estudo matemático dos idiomas, para o cal se aplicou un sistema de ecuacións aos históricos dispoñibles sobre a poboación que fala en castelán e galego no país, con rexisros dende 1875. O que atopou é que a semellanza entre estas linguas é do 80%.

O modelo de Mira apunta que para que unha lingua sobreviva nunha poboación bilingüe na que os dous idiomas gozan dun prestixio similar, a súa similitude non debe ser inferior ao 40%. Porén, cando o estatus dunha das linguas é moi superior, a porcentaxe de similitude tería que ser maior para a supervivencia da lingua más débil, por enriba do 75%, dependendo do estatus.

E así, mediante as matemáticas, demostrou que era posible que dúas linguas coexistisen sen que unha extinguise a outra, unha hipótese que mantiña unha parte da comunidade científica.

Con todo, o modelo ten limitacións, xa que o estatus dunha lingua en convivencia con outra pode variar no tempo, como no caso do galego, polo que o que se obtivo foi un promedio. Ademais, o fenómeno da inmigración ou as taxas de nacemento e mortalidade introducen novas variables que poden facer variar os resultados, ademais das políticas lingüísticas aplicadas polas administracións públicas.

A matematización da convivencia das linguas é un camiño novo que está a dar resultados importantes para a comunidade científica, pero tamén para os lingüístas. Agora, Mira e Seoane actualizan a literatura científica neste eido de estudo para seguir avanzando na computación do bilingüismo.

BILINGÜISMO ESTABLE EN GALICIA

No seu último traballo, recuperan os datos dos informes sociodemográficos que desde principios da década de 1990 vén publicando a Real Academia Galega periodicamente, elaborados mediante enquisas para avaliar a situación da lingua galega respecto do castelán introducindo variables xeográficas, de idade ou o substrato económico.

Así, por exemplo, centrándose na segregación por idade do uso galego e castelán do Mapa Sociolingüístico de Galicia 2008, pediuse aos informantes que se clasificasen como: 1) só falan galego, 2) falan maioritariamente galego, 3) falan ambas as linguas igualmente, 4) falan na súa maioría castelán, 5) falan castelán. Para o traballo dirixido por Mira, agregáronse os tres grupos centrais como bilingües para aplicar o modelo matemático.

Os datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia separan os falantes por subdivisións xeográficas, polo que o proceso se pode repetir para varias destas subunidades e tamén para os datos agregados. Así, Mira e Seoane explican que trazando os parámetros atopados para cada rexión se pode avaliar onde non é posible a coexistencia lingüística. 

E cos datos agregados de Galicia, prevén que "o bilingüismo sexa un trazo estable" e que "ambos os grupos monolingües sobrevivirán, co grupo monolingüe español probablemente dominando".

Os avances recentes nas metodoloxías aplicadas destacan, segundo estes autores, factores importantes para avaliar o destino das linguas minoritarias. Así, salientan que "cando a interacción (competición) é intensa, a tendencia é homoxeneizar o espazo cultural", polo que "só a través de interaccións débiles poden sobrevivir culturas diferentes, pero as interaccións débiles significan illamento".

Por outro lado, "a distribución xeográfica dos falantes é importante", de xeito que "un denso bastión de falantes dunha lingua minoritaria podería reverter unha situación adversa"; pero isto, segundo os científicos, "aínda implica a extinción dunha das linguas" en convivencia nun contexto bilingüe, onde "ambas as linguas poden sobrevivir se a mobilidade humana é reducida polas barreiras físicas, é dicir, se os idiomas están efectivamente segregados".

Tamén se considera o bilingüismo "un activo" e apuntan a que "unha visión inxenua pode suxerir que unha lingua perde falantes a través do grupo bilingüe". Porén, "algúns modelos teóricos indican que os bilingües (cando son exitosos e destacados) suavizan a competencia e permiten posibilidades que estaban prohibidas en modelos máis simples". Ou dito doutro xeito, "considérase que os pares de linguas para os cales un grupo bilingüe estable non se pode establecer con éxito desaparecen ou viven illados".

Por último, "o bilingüismo esixe dúas condicións que permitan unha coexistencia estable: 1) Para o falante dun idioma, os bilingües deben ser representativos da opción oposta, é dicir, os bilingües deben contribuír á poboación que atrae. 2) As transicións fóra do bilingüismo deben ser máis raras que as transicións cara ao bilingüismo, suxerindo que ser bilingüe agregou algún valor social adicional. Isto non é disparatado: os bilingües non só poden involucrarse con máis xente, senón tamén reunir a grandes grupos lingüisticamente illados", conclúen os autores.

Os resultados das simulacións do modelo desenvolvido por Mira e os seus colaboradores nos últimos anos alertan sobre a posición de perigo da lingua galega, aínda que a situación galego-castelán está preto das condicións de estabilidade que permitirían que a noso idioma sobreviva no futuro. O papel das administracións públicas será determinante.
-----------------------------------------------------------  
Seoane LF and Mira J. Modeling the life and death of competing languages from a physical and mathematical perspective. In Bilingualism and Minority Languages in Europe: Current trends and developments (F. Lauchlan, M. C. Parafita Couto, eds.), pp.70-93 (ISBN: 978-1-4438-1943-5). Cambridge Scholars Press (2017)."                   (Alberto Quian, Galicia Confidencial, 12/04/17)

No hay comentarios: