26/5/17

O problema da couza guatemalteca na comarca de Ferrolterra

"A couza guatemalteca ou couza da pataca é un insecto que como o seu nome indica provén de Guatemala e se estendeu a toda América Central. No estado español xa tiña aparecido nas Illas Canarias nos anos 1998-99. N Galiza detectouse en 2015 e posibelmente a chegada ao noso país fose por transporte marítimo, xa que as zonas afectadas (Ferrolterra e a Mariña Lucense) son lugares de portos comerciais.

Ao igual que todas as couzas, teñen hábitos nocturnos e como moito poden ter un radio de acción de 1km, por iso é tan importante que os armacéns dos lugares afectados sexan revisados e que non se envíen fóra patacas cultivadas nas zonas afectadas.

Como se vai coñecendo a "crise da pataca"

No DOG do 16 de Outubro do 2015 delimitábanse as zonas demarcadas coa praga, e as medidas urxentes que se ían adoptar, estabelecendo, nun primeiro momento, 3 concellos: Ferrol, Narón e Neda. Aos poucos meses, no DOG de 11 de Febreiro de 2016 ampliábanse as zonas afectadas pola couzae engadaíanse os concellos da Mariña Lucense: Cervo, Foz, Xove, O Valadouro e Viveiro. 

E onde se volta a advertir que "A Tecia solanivora Povolny é unha praga incluída na lista A2 da EPPO (European Plant Protection Organization), e no anexo II, parte A, sección I, da Directiva 2000/29/CE do Consello, do 8 de maio de 2000, polo que se considera unha praga de corentena, sometida a regulación e, por tanto, é necesario tomar medidas para a súa erradicación e control."

Un ano despois, voltamos a ter outra resolución da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias publicada no DOG a 2 de Febreiro deste ano, onde se voltan a ampliar as zonas con presenza da couza guatemalteca: na provincia da Coruña son Ferrol, Narón, Neda, Ares, San Sadurniño, Fene, Mugardos, A Capela, Ortigueira, Cabanas, As Pontes, Valdoviño e Mañón; mentres que na provincia de Lugo son os concellos de Xove, Viveiro, O Vicedo, Foz, Cervo, Burela, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova. Así, en algo máis dun ano a Xunta pasou de recoñecer 3 zonas afectadas a 8 e a seren finalmente 31 os concellos onde está prohibido plantar pataca.

Unha semana despois da ultima publicación do DOG desta ampliación de zonas prexudicadas, aparece outra resolución no diario oficial onde se fala por primeira vez das medidas que se van exixir tanto a produtores como vendedores de pataca nas zonas afectadas, a famosa declaración de cultivo, onde tamén se di que mentres non se aprobe a normativa estatal a recomendación é non realizar plantación deste cultivo.

Cando isto sucede, 14 de febreiro, hai xa moitas plantacións de patacas de cedo, o cal produce unha forte incerteza entre a xente que xa plantou, porque aínda non está informada de nada e nin sequera sabe como vai solucionar o seu problema. Pero a realidade para os concellos é aínda peor, coñecen a medida a través dos medios de comunicación, en vez de ser a Xunta quen lles dea as explicacións de cales van ser os medios para combater a praga. Así que os concellos afectados non poden dar explicacións ningunhas aos seus veciños.

O día 3 de marzo deste ano sae o Real Decreto para o programa de erradicación e control da couza guatemalteca no estado español (Galiza, parte de Asturias e Canarias), onde se prohibe a plantación de pataca nas zonas afectadas. O 8 de marzo, a Xunta volta a publicar outra resolución coas medidas que se van levar a cabo quer nas plantacións quer nos armacéns e marcar zonas afectadas, e zonas tampón (zonas nunha franxa de 5 km. arredor do límite dos concellos afectados) onde hai municipios con 95% do seu terreo en zona tampón, polo que se fai extensivo a todo o concello, e outros só afectados en parte. Os concellos tampón son: Somozas, Moeche, Cerdido, Cedeira e Cariño. E os concellos parcialmente afectados son Miño, Vilarmaior e Monfero na provincia da Coruña e Xermade, Muras, Vilalba, Cospeito, Castro de Rei, Pol, Meira, Ribeira de Piquín e A Fonsagrada na de Lugo.

A situación actual

Despois de que a Xunta dese a coñecer as medidas que ía pór en marcha comezou a información aos veciños a través de charlas con técnicos da Consellaría, nalgúns casos, como en San Sadurniño, moi concorridas.

Nesas datas de abril, a Consellaría de Medio Rural informou nunha reunión cos concellos que se ía enviar unha carta e un folleto informativo ás casas sen enderezo postal, para informar dun xeito sinxelo e efectivo de como se ía realizar, cando se ía realizar e os horarios de recollida da pataca, quer a de nova plantación que a que ficara de anos anteriores, ben como o paso por almacéns onde se garda a pataca; e o envío dos sacos especiais, para seren recollidas as patacas, aos concellos para a súa distribución aos veciños.

 Mais a carta nunca foi enviada, e os concellos tamén tiveron que informar os veciños de como se ía proceder. Aliás, os concellos saben as datas de cando se vai proceder con moi pouco tempo de antelación para avisaren os veciños de que vaian buscar os sacos especiais onde gardar as patacas

A recollida de pataca comezou o día 2 deste mes de Maio nos concellos de Ares e Cabanas na provincia da Coruña e de Riotorto e A Pontenova na de Lugo. Son 25 equipas formadas por dúas persoas da empresa pública SEAGA, que levan unha identificación, onde terán un traballo coordinado desprazándose aos domicilios ou plantacións das persoas que declararon tanto as parcelas cultivadas como ter pataca de semente ou pataca armacenada para o autoconsumo. 

Os técnicos recollen as patacas, previamente envasadas en sacos especiais, revisan o contido e fan que os afectados asinen un talón onde se reflictan os quilos que foron retirados en cada casa. Estes sacos serán introducidos nun camión fechado hermeticamente e que logo levarán a Cerceda onde se destruirá todo o recollido e se levará a cabo un proceso tamén de desinfección dos camións, para que non se estenda a praga as zonas non afectadas.

Os dous días seguintes 4 e 5 de Maio, quinta e sexta feira, tocoulles a quenda a Fene e Mugardos na provincia da Coruña e Xove e Alfoz na de Lugo. E así cada dous dias en outros catro concellos, chegando o día 15 e 16 a Neda ou o 22 e 23 a San Sadurniño.

Como sabemos, o consumo de pataca no noso país é moi importante, é a base alimentar xunto co pan. E como non o ía ser menos tamén na nosa comarca. Mais na nosa zona o cultivo é de autoconsumo. Un cultivo feito, no xeral por xente maior, e que non só planta para o consumo da súa casa, senón para o resto da súa familia: fillos, netos, compañeiros... Polo que hai unha parte importante do noso país que consome moita pataca pero non a merca.

 E como é un cultivo de autoconsumo non temos un censo de xente que planta pataca. Velaí o grande problema deste tema porque a forma máis eficaz para que non se plante é o concienciación da xente. Un traballo que debería ter feito a Xunta, que se comprometera en enviar unha información que chegara a todo o mundo por vía postal pero non o fixon, polo que quedou en mans dos concellos facer chegar a información.

Sendo este un problema que atnxe un terzo do país, afecta a parte norte, aínda Feijóo non dixo nin unha palabra, e a conselleira moi pouco, sobre o tema que estamos a tratar. E é un fenómeno que se agora xa é serio, e se non se atalla e non se adoptan as medidas oportunas pode traer maiores consecuencias. 

Deste xeito, a Xunta parece estar tomando decisións segundo lle veñen enriba os problemas, e levando o tema con escurantismo. Os 50 efectivos para recoller as plantacións dun terzo do país non parecen suficientes para levar a cabo as medidas que se impuxeron.

Moitas das medidas que se tomaron non están sendo implantadas, como a vixilancia das plantacións, a prohibición da venda de pataca a granel das zonas afectadas, e isto vese nalgunhas feiras da comarca... Do mesmo xeito que a Xunta non informa de se van estar suxeitas ou non ao IRPF as indemnizacións que se poden solicitar.

Pese a todo, a maioría da xente, aínda que irritada, asumiu a prohibición dun xeito moi responsábel. Aínda que queda a ver se a toda a poboación lle chegou a información. E eles mesmos por non ter problemas logo coa indemnización, por teren dous pagadores están deixando de pedir a indemnización. E todo isto é pola pouca información que está dando a Xunta.

En dous anos saberemos se chegou o final da praga ou haberá que esperar algúns anos máis, algo que pode incidir no estamento da comarca e no abandono da plantación para autoconsumo."      (María López, Sermos Galiza, 17/05/17)

No hay comentarios: