17/7/17

A Xunta defende a privatización de Salvamento Marítimo aínda que custe un millón máis

"Saca por segunda vez a concurso a licitación dos helicópteros de salvamento marítimo por un millón máis do que custaban cando eran un servizo público.

 A Xunta tivo que enmendar o concurso para a contratación de dous helicópteros para a vixilancia, loita contra a contaminación e salvamento marítimo logo de que o anterior quedara deserto ante a falta de empresas que se presentaran.

Deste xeito, o Consello da Xunta aprobou o xoves o inicio da tramitación da nova contratación dos destes dous helicópteros, dependente da Consellería do Mar. Este novo contrato, unha vez adxudicado, terá unha vixencia inicial de catro anos e o seu importe para este período é de case 33 millóns de euros. Unha cantidade que supón un millón de euros máis caro do que lle custaba a Xunta este servizo cando era de titularidade pública.

Con todo, Feijóo defendeu a privatización deste servizo porque dixo que era “difícil” o mantemento das dúas aeronaves anteriores, debido a que comezaban a ser aparatos vellos. “A decisión foi a correcta e operar con helicópteros vellos supuña máis problemas que ventaxas”, dixo para xustificar a decisión de que sexan empresas privadas as que se encarguen deste servizo.

Non obstante, o proceso de privatización resulta complicado porque ao primeiro concurso convocado pola Xunta só se presentou unha empresa que non cumplía cos requisitos da Xunta. Por iso, decidiuse abrir un novo concurso. 

Concurso deserto

Tras quedar deserto, optouse por promover unha consulta pública ao mercado, co obxecto de solicitar información e definir mellor os aspectos técnicos e económicos deste novo contrato con respecto ao anterior. Unha vez realizada a consulta pública, con base nos resultados acadados nela, procedeuse, segundo a Xunta, a axustar os importes estimados de custo do contrato e aproveitouse para modificar aqueles aspectos técnicos que redundasen no incremento da concorrencia e na mellora da prestación dun servizo único en España “e cuns estándares de calidade superiores incluso aos de Salvamento Marítimo”.

Entre as novidades introducidas no concurso, cabe resaltar que, respecto do actual contrato en vigor, recolle a obrigatoriedade de contar con 20 pilotos para atender o servizo aéreo de gardacostas, fronte aos 18 que se exixen na actualidade. Así, disporase de 2 pilotos máis a partir de novembro. A Consellería do Mar xa sacara a licitación deste servizo no mes de abril deste ano. 

Servizo

A empresa que resulte adxudicataria prestará o mesmo servizo de salvamento marítimo a través de medios aéreos que se vén desenvolvendo en Galicia desde 1990, garantindo a cobertura no litoral galego os 365 días do ano, as 24 horas do día, cun tempo máximo de resposta de dez minutos. Este novo contrato entrará en vigor o vindeiro 1 de novembro, xa que o actual aínda está vixente ata o 31 de outubro. 

A Xunta lembra que Galicia é a única comunidade autónoma que conta cun Servizo de Gardacostas e tamén a única que pon á disposición de Salvamento Marítimo do Estado os seus medios para actuar naquelas operacións e operativos nos que sexan requiridos. Este organismo, dependente da Consellería do Mar, encárgase da vixilancia, busca, salvamento e protección do medio mariño nas augas galegas.

Para desenvolver os seus labores conta cos helicópteros Pesca 1, con base en Vigo, e co Pesca 2, con base en Celeiro. Ademais, dispón de diversos medios terrestres e marítimos distribuídos por todo o litoral galego. "                 (Galicia Confidencial, 14/07/17)

No hay comentarios: