13/7/17

Case a metade dos fogares galegos chega con dificultade ou moita dificultade a fin de mes

"No segundo trimestre de 2017, o indicador de confianza do consumidor reflicte un valor de -8,18 puntos, 1,39 puntos por enriba do referido ao trimestre anterior.

Neste trimestre aumentaron tres do catro indicadores parciais de perspectivas de evolución: o indicador de situación financeira persoal aumentou 0,85 puntos, o de situación económica en Galicia 2,43 puntos e o de desemprego aumentou 3,21 puntos. O indicador parcial de capacidade futura de aforro, pola súa banda, diminuíu 0,92 puntos.
O indicador de confianza do consumidor varía en función do intervalo de ingresos do fogar. Así, os fogares con menores ingresos medios mensuais son os que presentan valores máis baixos, mentres que a confianza aumenta ao incrementarse os ingresos do fogar.
Así, o indicador no caso dos fogares con menos de 600 euros ao mes alcanza o valor de -30,94, mentres que entre os fogares que máis ingresan ao mes (por encima dos 3.000 euros) o indicador sitúase en 17,39.
No segundo trimestre de 2017, o 54,52% dos fogares galegos chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes, o 35,36% con dificultade e o 10,11% restante con moita dificultade.
Con respecto ao trimestre anterior, prodúcese un aumento de 6,4 puntos na porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes, e unha diminución de 6,4 puntos na dos que chegan con dificultade. A porcentaxe de fogares que chega con moita dificultade non variou no segundo trimestre de 2017 respecto ao primeiro.
Con respecto ao segundo trimestre do ano 2016, a porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes creceu 10,15 puntos e a porcentaxe de fogares que chega con moita dificultade 0,59 puntos. Pola súa banda, a de fogares que chega con dificultade caeu 10,75 puntos no segundo trimestre de 2017 respecto ao mesmo período do ano anterior.

NINGÚN EXTRA

O 24,08% dos fogares galegos non se permitiu ningún extra no tres últimos meses. Considéranse como extra os gastos destinados a vacacións ou viaxes, facer fronte a imprevistos ou grandes compras, extras de alimentación, roupa ou calzado, contratar novos servizos para o fogar, saír a cear, ir ao cinema, etcétera. Tamén se inclúe nesta categoría poder aforrar e traballar menos horas ou que algún membro do fogar se permita deixar de traballar.
O 11,8% dos fogares galegos cambiou os seus hábitos de compra, pasando a comprar marcas brancas, produtos en oferta, etcétera. Esta foi a medida económica máis habitual empregada polos fogares para reducir os gastos, aumentar os ingresos ou afrontar pagos no segundo trimestre de 2017.
Ademais, o 11,58% dos fogares galegos diminuíu gastos comúns, como a roupa e o calzado, o transporte, etcétera (non se inclúen nesta categoría os gastos en alimentación).
O 64,05% dos fogares galegos pensou saír a cear, a cafetarías, ir ao cinema ou ao teatro no próximos tres meses, o 39,94% aforrar algo de diñeiro, o 38,29% facer algún extra en produtos de alimentación e o 17,97% facer fronte a imprevistos ou grandes compras.
Diminúe a porcentaxe de persoas que pensou pagarse unhas vacacións, viaxes ou estancias de lecer no próximos tres meses respecto ao mesmo período do ano anterior (19,35% no segundo trimestre de 2016 fronte ao 16,85% do segundo trimestre de 2017).
O 16,45% dos fogares galegos está a pagar a vivenda principal na que habita, o 6,54% o coche e o 1,77% unha segunda vivenda."                  (Galicia Confidencial, 04/07/17)

No hay comentarios: