13/9/17

Allariz presume en Europa de modelo de reciclaxe de residuos

"Allariz saca peito e demostra que outro modelo de reciclaxe de residuos é posible. O Concello vén de presentar a Europa os exitosos resultados do seu programa pioneiro de reciclaxe de lixo e separación de materia orgánica, co que se dotou da loxística precisa aos veciños e veciñas co reparto de composteiros individuais e a creación dunha ampla rede de composteiros comunitarios.

 Un modelo descentralizado, fronte ao de SOGAMA, que durante o primeiro ano de posta en marcha acadou un bo nivel de aceptación cidadá, o que se reflectiu en moi boas cifras na reciclaxe de residuos. Así o salientan os responsables deste programa nun informe presentado no libro 'Solid Waste Management in Rural Areas', coordinado polo doutor Florin Constantin Mihai, da Universidade Alexandru Ioan Cuza de Romanía, e publicado pola editorial de acceso aberto InTech.

No capítulo cuarto deste libro preséntase o caso de Allariz como un modelo de éxito aplicado a un contexto rural. Co título 'Decentralized Composting of Organic Waste in a European Rural Region: A Case Study in Allariz (Galicia, Spain)', Iria Villar Comesaña, David Alves e Salustiano Mato, da Universidade de Vigo, e Xosé Manuel Romero e Bernardo Varela, por parte do Concello de Allariz, exhiben os resultados deste programa de reciclaxe que conseguiu no seu primeiro ano de funcionamento "unha redución darredor do 8% dos residuos mesturados enviados á instalación de tratamento centralizada [SOGAMA]", salientan no informe.

Os responsables do proxecto tamén subliñan o impacto positivo acadado entre os cidadáns, xa que coas campañas realizadas e a instalación e posta en marcha de toda a loxística se conseguiu que "os residuos biolóxicos se segregasen correctamente" nos distintos colectores e "obtívose un compost de boa calidade para o fertilizante do chan", resumen os autores do informe, que engaden: "A recuperación dos residuos biolóxicos tamén deu lugar a unha mellora da reciclaxe de todas as fraccións restantes".

Con todo, o obxectivo fixado polos reponsables do proxecto aínda está lonxe. A idea do Concello é chegar nun futuro a reducir até nun 80% os residuos enviados a SOGAMA. Para isto, o goberno local conta co soporte técnico das universidades de Vigo e da Coruña e coas campañas de concienciación social da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega). Unha colaboración a tres bandas -entre a Academia, a Administración Pública local e os ecoloxistas- pioneira en Galicia e que agora se presenta como un exemplo para o resto de Europa.

Recentemente, o Concello daba a coñecer algúns dos datos máis destacados do proxecto no seu primeiro ano de actividade. Allariz incrementou a taxa de reciclaxe ata un 40% de lixo que se está a reciclar e recuperar nas distintas fraccións como orgánica, papel-cartón, vidro e envases e plásticos. Ademais, e segundo os datos que manexa o propio goberno local, Allariz xa é un dos concellos galegos que máis recicla; de feito, case triplica a media galega de recollida de lixo, que é duns 12 quilos por habitante ao ano, mentres que en Allariz xa é de 31,4 quilos por habitante e ano.

ORIXE DO PROXECTO E OBXECTIVOS

A finais de 2014, Allariz puxo en marcha a implementación da separación, tratamento e uso de materia orgánica en todo o municipio co obxectivo de aumentar a taxa de reciclaxe e minimizar a porcentaxe de residuos que se segregan entre si para ser incinerados. Para isto instaláronse 24 illas de compostaxe ubicadas na zona urbana e máis de 130 composteiros. 

Ademais púxose en marcha a máquina de tratamento de materia orgánica, no parque empresarial de Chorente, punto ao que vai parar a recollida porta a porta de materia orgánica de grandes produtores, como hostaleiros e comerciantes.

O obxectivo é traballar na redución de residuos a nivel local, promover unha boa separación para favorecer a reciclaxe e compostar no propio concello a fracción orgánica. Con este proxecto a vila de Allariz, alén de millorar as súas taxas de reciclaxe, gaña en autónoma na xestión do lixo, reducirá cada vez máis a cantidade de residuos que envía a SOGAMA (diminuindo sensibelmente a súa factura) e inviste en emprego local."                       (Galicia Confidencial, 12/09/17)

No hay comentarios: